FORMAS NO ESPAZO E NO TEMPO

A PINTURA DE LUÍS TORRAS

Cos seus 102 anos de plena vitalidade, o pintor Luis Torras Martínez (Vigo, 1912) é na actualidade o decano dos artistas plásticos galegos.

O mundo pictórico creado por Luís Torras é unha combinación de estatismo, silencio e requintada factura, un universo alleo á espectacularización, tan do noso presente, mais non por iso mesmo con menos sentido no mundo actual, xa que o artista consegue penetrar en aspectos fulcrais da condición humana e reflexionar sobre o sentido profundo da existencia. É a súa unha pintura feita de silencios e envolvida nunha atmosfera conxelada, como era a pintura de Balthus e tamén a de Pancho Cossio, con que non poucas veces se ten posto en relación a súa estética, mais cunha intencionalidade e unhas coordenadas vitais e temáticas ben desemellantes.

Os temas da súa pintura: as figuras humanas estáticas, as paisaxes e mais as naturezas mortas, non poucas veces en estreita ligazón, permiten ao artista reelaborar os xogos, as olladas, os movementos conxelados e tamén favorecen o pormenorizado estudo compositivo que sen dúbida nos recorda os interiores barrocos de escenas semellantes, en especial a tradición española que pasa por Francisco de Zurbarán ou Juan Sánchez Cotán. O pintor vigués traballa cunha actitude de pureza ascética semellante a algúns dos grandes cultivadores da natureza morta hispana, mais que tamén pode lembrar outros grandes creadores de xénero como Lubin Baugin, no século XVII; ou Giorgio Morandi no XX; a semellanza non estaría apenas no tema senón na actitude, no rigor e no respecto pola economía material e a sólida esencialidade formal.

Como Balthus, Luís Torras utiliza unha linguaxe realista como negación da vida moderna, ao contrario do que realiza, por exemplo Edward Hopper, o grande pintor realista americano, que a reflicte. Luís Torras prefire e aposta polo diálogo coa tradición e polo enigma, cun ritualismo moi acentuado –véxanse as súas figuras humanas realizando labores cotiáns-. Torras na súa procura estilística, acode ás fontes clasicistas, aspecto fundamental para entender a construción e o equilibrio das súas escenas de figuras e as súas naturezas mortas. Son obras que transmiten unha consciencia da condición moderna, nas que percibimos que o clasicismo non é unha simple volta ao pasado senón unha reformulación do ideal clásico peneirado por unha percepción moi ligada valores de modernidade, diriamos que moi século XX.

Se en xeral na pintura o espazo é o “lugar” da obra de arte, en Luís Torras non abonda con dicir que é aí que ela se sitúa, pois que o espazo é tratado segundo as necesidades da representación, por ela é definido, e mesmo creado. Daquela o espazo tórnase materia plástica e en certo sentido inmutábel, xa que é fundamento da obra.

Luís Torras analiza as formas no espazo, na materia, no espírito e no tempo, revelando que o ilusorio da representación é unha construción cultural que pode dicir tanto da nosa concepción do mundo como a linguaxe máis complexa e elaborada.

Se nos achegamos ao conxunto da súa traxectoria, podemos observar como desde finais dos anos cincuenta e nos anos sesenta é cando se asentan os trazos máis salientábeis do seu estilo, como o xeito de se achegar á captación lumínica que semella xurdir dos obxectos, dando a sensación de que estes posuísen unha propia fonte de luz; outra característica é a utilización de estruturas esquemáticas sobre fondo branco.

Esta técnica é a que dota a representación dun ar de atemporalidade e levidade, nun ámbito liminar como se a vida fose captada en suspensión, que nas obras de intensa presenza dos obxectos –como as naturezas mortas- adquiren unha intensidade emotiva ben forte.

Os obxectos que pinta Luís Torras son, xa que logo, concrecións do visíbel, mais non do real, e para a súa realización o pintor sabe que o visíbel comeza coa luz e que o cadro debe iluminar no duplo sentido de permitir a representación e de revelar, un sentido ben profundo que fica alén da simple reprodución dunha determinada figura ou obxecto.

Carlos L. Bernárdez